Fins do CRD

Fins do CRD

A Universidade Laboral de Ourense inaugúrase en 1975. Nela, e baixo a dependencia do Ministerio de Traballo, impártense estudos de Bacharelato e diversas ramas de formación profesional. Posteriormente, en 1981, o centro é transferido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. . En 1989, divídense dous espazos educativos: un Instituto de Ensino Secundario, que conserva o nome orixinal, “Universidade Laboral”, e un Centro Residencial Docente, que oferta aloxamento, manutención e diversas actividades formativas extraescolares a alumnos e alumnas de formación profesional e bacharelato. 

O Centro Residencial Docente de Ourense é un centro para estudantes de bacharelato, ciclos medios e superiores, ensinanzas de réxime especial e puntualmente para alumnado universitario, que cursan os seus estudos fóra da súa localidade. Ademais de manutención e aloxamento, favorecemos as relacións entre alumnos/as de distinta idade e procedencia, así como a adquisición e/ou o reforzo de valores esenciais para a convivencia.

Co fin de estimular e motivar o uso adecuado do seu tempo libre e de lecer, o noso centro programa cada curso distintas actividades que poidan ser de interese para o noso alumnado, (charlas interactivas, concursos, competicións deportivas, exposicións temáticas, entre outras).

Notas de Identidade

  • O estilo educativo do Centro, dado o seu carácter público, tratará de rexerse polo principio de neutralidade ideolóxica, de maneira que renuncia a todo tipo de adoutrinamento, sectarismo e proselitismo e basearase no pluralismo, nos valores democráticos de convivencia, e nas ideas recollidas na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

  • O estilo de convivencia do Centro propiciará a creación dun marco de relación no que sexa fomentado o desenvolvemento de valores baseados no respecto á identidade persoal de cada quen, é dicir, a súa identidade sexual, cultural, política e relixiosa.

  • En canto a confesionalidade, o Centro defínese como laico e respectuoso con tódalas ideas relixiosas. Tódalas actividades que se realicen estarán exentas de calquera orientación relixiosa. Do mesmo xeito, o CRD evitará a existencia de toda simboloxía relixiosa con carácter permanente.

  • A coeducación do Centro fomentará a convivencia entre os distintos sexos tratando de eliminar as discriminacións e de fomentar o respeto.

  • O Centro fomentará a participación crítica e responsable na propia actividade como aprendizaxe para unha vida de cidadá adulto, comprometido cos valores de liberdade e responsabilidade, tolerancia, xustiza, igualdade e valoración do esforzo.

Ademáis das notas de identidade, os fins propios do Centro Residencial Docente, a máis dos de facilitar aloxamento e manutención aos estudantes, son os seguintes:

  • Fomentar o pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades dos alumnos/as.

  • Educar no exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos e de convivencia. Prevención de conflictos e resolución pacífica dos mesmos.

  • Promover a educación baseada no esforzo persoal.

  • Formar para a paz, respeto aos dereitos humanos, cooperación e solidariedade entre os pobos, así como a adquisición de valores que propicien o respeto diario aos seres vivos, medio ambiente e desenvolvemento sostenible.

  • Desenvolver a capacidade dos alumnos/as para regular a súa propia aprendizaxe, desenvolver a creatividade, iniciativa persoal e espíritu emprendedor.

  • Promover a adquisición de hábitos intelectuais e técnicas de traballo, coñecementos científicos, técnicos, humanísticos, históricos e artísticos, así como a adquisición de hábitos saudables, o exercicio físico e o deporte.

  • Axudar a adquirir a capacitación para o exercicio de actividades profesionais.

  • Estimular a responsabilidade individual na súa condición de estudantes e proporcionar un ambiente axeitado de estudo como marco propicio para a súa actividade académica.

  • Fomentar actitudes que favorezan a integración do alumnado residente.

  • Preparar para o exercicio da cidadanía e para a participación activa na vida económica, social e cultural con actitude crítica e responsable.

  • Promover a participación das familias no desenvolvemento integral dos seus fillos/as, con especial fincapé no que respecta aos valores inherentes á convivencia democrática.

Para levar a cabo este proxecto contamos con persoal docente cualificado para a atención personalizada, así como con servizos e instalacións adecuadas para as necesidades dos nosos reidentes.