Colaboradores/Bolseiros

Colaboradores/Bolseiros

Secretaría

Convocatoria de prazas de Colaboradores/Bolseiros para o curso 2025-2026

As persoas adxudicatarias de prazas de colaboradora bolseira utilizarán os servizos da residencia de forma gratuíta, durante o período de funcionamento en que estean abertas as residencias. O período de funcionamento dos centros residenciais docentes coincidirá co calendario escolar que a consellería competente en materia de educación aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia para o curso 2025/26. En todo caso, o centro residencial permanecerá pechado a partir do 30 de xuño de 2026. Así mesmo, permanecerán pechados os fins de semana (desde o venres pola tarde ao domingo pola noite), tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será do 21 de xuño ata o 8 de agosto de 2025 ambos incluídos.

O prazo  de presentación de solicitudes en periodo extraordinario de existir przas sen adxudicar, será do 1 ao 5 de setembro de 2025 ambos incluídos.

Requisitos persoais e dispoñibilidade:

a) Dezaoito anos cumpridos, ou acadar esta idade dentro do ano natural 2025.

b) Estar empadroada ela e os demais membros computables da unidade familiar á que pertenza nun municipio da Comunidade autónoma de Galicia; este requisito entenderase referido exclusivamente á persoa solicitante cando acredite vida independente nos termos previsto no artigo 5.3 da orde.

c) Posuír a capacidade funcional para o desempeño do labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia.

2. A distancia entre o centro universitario onde curse os estudos e o centro residencial docente, así como os medios de comunicación existentes, deberán garantir a dispoñibilidade no horario en que teñan que realizar o devandito labor de apoio.

 Requisitos académicos:

A persoa solicitante deberá estar inscrita ou matriculada en ensinanzas universitarias de grao, mestrado oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2025/26.

As persoas beneficiarias de praza de colaboradora bolseira non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal xunto coa a documentación complementaria.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A solicitude deberá estar asinada pola persoa solicitante e implicará que acepta as bases da convocatoria, que reúne os requisitos exixidos nela e que son certos todos os datos que constan na solicitude.

As persoas interesadas, deberán achegar coa solicitude (modelo normalizado anexo I) a seguinte documentación:

  1. O anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar), de ser o caso.
  2. Xustificante de inscrición ou matrícula en ensinanzas universitarias no curso 2025/26.
  3. O documento que acredite a nota de acceso aos estudos, no caso do alumnado matriculado por primeira vez en estudos de grao no curso 2025/26.
  4. O certificado oficial das notas obtidas no curso 2024/25, no caso do alumnado xa matriculado en ensinanzas universitarias; se non cursa estudos no curso 2024/25, o das notas do último curso que realizou.
  5. Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación á data de publicación
    desta convocatoria, poderá acreditar o número de membros da familia utilizando, entre outros, algún dos seguintes medios:
  • Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou convenio regulador onde conste a custodia do menor.
  • Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

      6. Certificado de convivencia da persoa solicitante e os demais membros computables da familia no domicilio habitual nun municipio de Galicia.

      7. Certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar non expedido pola Administración autonómica.

      8. Para acreditar vida independente respecto da unidade familiar (nos termos previstos no artigo 5.3 da orde): escritura de compra, contrato de alugueiro ou título que lexitima a ocupación da vivenda, recibos acreditativos do pagamento de subministracións (auga, luz, …) e dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos gastos.

     9. Calquera outro documento que consideren conveniente.

Publicación das listaxes de puntuacións provisionais das persoas admitidas e relación das excluídas

  • O día 22 de agosto de 2025, a Comisión de Valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do respectivo centro: a listaxe de puntuacións provisionais das persoas admitidas (a total por orde descendente, e a desagregada correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos), e a relación provisional de persoas excluídas, indicando a causa.
  • As persoas solicitantes poderán formular reclamación ante a Comisión de Valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.
  • As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.

     

Publicación das listaxes das puntuacións definitivas, da relación de persoas excluídas, da adxudicación de prazas e da listaxe de suplentes:

  • O día 29 de agosto de 2025, a Comisión de Valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do centro: a listaxe de puntuacións definitivas das persoas admitidas (a total por orde descendente, e a desagregada correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos); a relación definitiva de persoas excluídas; e a relación de suplentes.

Listado provisionais e definitivos de colaboradores/bolseiros curso 2025-26